O URKO. O can do inferno rexorde en forma de banda de metal. URKO mergulla nas raíces máis profundas do metal pesado dos anos 90, absorbendo a enerxía crúa e a intensidade do metal clásico con elementos contemporáneos. Con veteranos da escena galega coma Mario César (Túzaros, Invivo, Deseqilibrio Mental) nas voces e guitarra, Pat (Medomedá, Biribirlocke, Flúe) no baixo e voces e Rafa “Fulas” (Tungsteno, Flúe) á batería, URKO desprega unha experiencia sonora a modo de tributo aos alicerces do metal, dende a independencia e a propia identidade.
A banda compostelá acaba de publicar o seu primeiro traballo “Capítulo I: Retorno do Abisal”, un EP composto por 4 temas, “Atlántida”, “Arrastra as cadeas”, “Illado” e “Retorno”, onde despregan a potencia da banda con temas xerados polo propio mito mariño do can do inferno abrollando das augas, a forza da natureza e fronte ao impacto da contaminación, así como a ausencia dunha saúde mental ou o deber e o dereito de poder retornar.
O disco foi gravado (e producido xunto coa banda) por Diego López, entre marzo e abril de 2024 e masterizado por Iago Pico nos Estudos Pouland (Ames, Galiza). As ilustracións que conforman o deseño foron realizadas por Nando Vázquez.
Con textos en galego, coa inspiración da forza, a resistencia, a instrospección e o espírito transmitido polos mitos mortos, URKO ofrece unha narrativa poderosa e directa, coa capacidade de traspasar barreiras lingüísticas e mentais.
A través da súa música, URKO captura a esencia do metal en bruto, orgánico, underground, cun son contundente e emotivo. As súas armas son poderosos riffs e voces desgarradas, que teñen en URKO, máis que unha banda de metal, unha forza que impulsa a escena musical galega cara novos e escuros horizontes.
O 28 de setembro presentarán o disco en directo na Sala Moon de Santiago de Compostela.